Rosalía Xardineira

IMG_5371Cando un dos compoñentes de Xardín Desordanado acudiu á bufarda de Tirán con “Cantares Gallegos” como proposta para un novo traballo, causou sorpresa, case desconcerto, no resto da banda.
Rosalía foi tan musicada no pasado (e tan ben) que nunca a consideramos un obxectivo do noso proxecto. En canto ao coñecemento que tiñamos dela
, poderíase dicir que todos nós eramos, nese caso, galegos comúns: é tan difícil atopar algún galego que non coñeza a Rosalía, como atopar algún galego (Anxo Angueira, que nos conste) que a coñeza en profundidade. Así que, durante as seguintes reunións, fomos desprendéndonos de determinados tópicos que converten a Rosalía nun mito -á marxe d@s demais poetas- e descubrindo a unha escritora talvez non asombrosa, pero moi comprensible, moi instructiva e crible. Máis adiante, cando xa tiñamos compartido con ela harmonías, confidencias, cervexas, lúas… converteuse nunha muller transcendente, apaixonada e melancólica -sí- pero tamén lúdica,  sarcástica, lediciosamente inxenua, ás veces, coma neste poema no que relata as andanzas dunha tímida rapaza namorada.

No caso de Rosalía, a composición das cancións levou máis rectificacións, máis discusións, máis desalentos e desperdicios que os traballos sobre calquera outra autora; vese que, a pesar da intimidade conseguida, permanecían reminiscencias da nosa consideración de estar a tratar cun mito. O resultado foi un conxunto de sete cancións que gravamos unha noite tan emocionante como desapracible. Golpeaba a casa un poderoso vento sul, que chegada dende a ría, cargado de choiva por momentos, e que dobregaba as modestas árbores das leiras lindeiras e facía vibrar sen descanso as xanelas. Foi unha noite intensa, mergullados nós no peculiar universo da parroquia; unha noite de moito café, moitas miradas cómprices e risas neviosas, que terminou cun paseo baixo paraugas, no tímido amencer sen escintileos, ata “o monte do cura”, onde deixaran os seus coches os camaradas.

IMG_0072 IMG_0108

Confesamos que, dempois deste traballo, cambiou radicalmente a nosa visión de Rosalía. Como músicos, descubrimos numerosas armonías e melodías, implícitas nos seus poemas, ata o punto de que era preciso protexerse -non aceptar as primeiras propostas-  para non caer en tópicos musicais.E desfrotamos tamén do descubrimento (descubrimento para nós, por soposto) da súa condición de cronista, minuciosa e entretida, ata o punto de que hoxe, a quen quixese coñecer a Galicia do século XIX,  nós (modestos músicos) non dubidariamos en recomendarlles a lectura de Rosalía, mellor que a de calquera historiador. Como sucede neste poema, no que a autora descrebe a unha viúva de finais do XIX, tan diferente -por fortuna- ás actuais; unha muller que, á morte do seu esposo, condéase a se mesma ao loito dos pés á cabeza e á renuncia, non xa doutro amor, senón de calquera mostra de alegría que puidese ofrecer a vida.

Eliximos para pechar a crónica do encontro entre Rosalía e Xardín Desordenado un dos seus poemas máis festivos: unha rapaza é requirida polos participantes nunha romaría para que achegue os seus cantos e a música da súa gaita. E, para atraela, todos lle ofrecen manxares da romaría.

… valeu a pena empaparse da túa obra, raíña, para poder gozar da muller que fuches, da muller que permanece.