Marta Dacosta

“Son filla da clase obreira viguesa, un peón de Citroen e unha alestidora de palangres que deixaría o seu traballo para coidar da nena que ía vir. Así nacín eu un San Miguel de 1966 en Vigo.

Meus pais abandonaron o colexio con nove anos e da súa infancia lembran as penurias e a fame do tempo da posquerra. Aínda así transmitíronme o desexo do coñecemento e o amor pola arte. Da miña nai herdei o gusto por cantar e do meu pai os primeiros libros publicados por Galaxia nos anos 50: Castelao, Rosalía … que eu lía con dez anos, recuperándoos dos ratos e a humidade.”

foto marta dacosta Setembro

Estas son as primeiras palabras que incluíu Marta Dacosta no seu informe da Asociación de Autores en Lingua Galega, coma se considerase a condición proletaria dos seus pais a súa mellor carta de presentación; un orgullo que xa no texto a que me refiro -pero tamén nos seus actos- levaba implícita unha reivindicación e un compromiso.
Cando concertei -recén lido “Setembro”- unha cita con ela, o intermediario confirmoume que se trataba dunha persoa disposta sempre a acudir á primeira liña da beirarrúa, ou a presentarse en calquera despacho en defensa dos seus ideais. Así que eu me dirixín ao encontro “con lanza e escudo” que se esvaeron ante o sorriso de Marta. Un sorriso que non desaparecería durante toda a entrevista, nin sequera cando nos internamos en territorios graves ou tristes. Aquela muller, simplemente, tiña conformada polo optimismo a comisura dos labios e o brillo da mirada.

Logo, sempre que coincidimos, foi en circunstancias nas que Marta se encontraba ofrecendo o seu talento e
a súa enerxía en favor da lingua ou dos seus camaradas. No auditorio de Gondomar, por exemplo, conducindo un festival conmemorativo dos 150 anos de “Cantares gallegos”; un deses actos divertidos para os participantes e para o público, pero esgotadores para os organizadores. Ou organizando unha intensa homenaxe a Xela Arias, ao cumprirse dez anos da súa norte, e na que Marta, ademais de coordinar e presentar as actuacións, tivo que consolar bágoas e xestionar apertas. Ou na presentación do último libro de Miguel Anxo Mouriño, ese gladiador da cultura que leva anos impulsando o “Instituto de Estudos Miñoranos”… asegúrovos que aquela tarde Marta ofreceunos o libro de Miguel con maior entusiasmo e máis convicción que se fose seu.
Sempre que penso en Marta remato reflexionando sobre esa dicotomía entre o compromiso poético (Maldigo la poesía concebida como un lujo cultural por los neutrales) e a sensación de desperdicio que temos os afeccionados cando os nosos poetas se ocupan en “outros mesteres”.
Pola miña banda, a medida que o tempo avanza, creo máis e máis nos versos (mesmo nos falidos) e descreo máis e máis da política (mesmo da exercida polos poetas)
Aquí déixovos, xunto á miña admiración por Marta Dacosta, un fragmento da canción “O torrente feminino” baseada nun poema no que Marta inventaría as mulleres da súa familia, permitindo que -coma sempre- entre a melancolía se lle coen as reivindicacións: “A miña nai tirando carbón dende a bufarda ou atada a unha silla de falar castellano

Cando traballabamos nos arranxos da canción, os músicos de Xardín Desordenado imaxinabamos á poeta bailando un valse ao longo do corredor da infancia, en compañía daquelas mulleres queridas ás que -¿quen sabe?- talvez agora leva Marta ás rúas, para que lle axuden a soster as pancartas.