Iolanda Zúñiga

Hai anos acudín a un concerto duns músicos amigos. Sabía que convivirían no escenario distintas disciplinas, pero eles representaban o meu único interese aquela tarde. Arrancáronse cos primeiros acordes e, inmediatamente, unha moza apoderouse do micrófono e, libro en man, comezou a ler o que se supoñía sería un tráiler do texto. Pero o entusiasmo da rapaza fixo que a súa lectura non se interrompese, convertendo a banda en son de fondo, xa que os músicos, aceptando a situación, reduciron máis e máis as súas dinámicas.
Anos máis tarde, o tempo circular da cidade reúneme no “Mishima libraría café”, con Iolanda Zúñiga, a poeta sabotadora daquel concerto.
_ “Tes razón, Santiago. E fíxate que quen ideou aquel espectáculo o fixo con moito sentido. Tratábase de que eu lese fragmentos, aproveitando os impases da banda e que Woyza fixese Hip Hop utilizando algún verso a xeito de retrouso e que O Puto Cocke, rapeara, baseándose na temática do libro. Todo perfecto… pero eu embriagueime coa miña propia voz e os plans fóronse ao garete… Un desastre ´ “.
_ “Ben, un desastre non. A min e a moitos outros convencíchenos. E tempo despois, cando “Xardín desordenado” comezou a selección de textos femininos eu, recordando aquela tarde e a veracidade da túa lectura, propuxen que fose incluído”.

Zuñiga Web

Nos textos de Iolanda percíbese -a miúdo de forma expresa- o seu viguismo. Cando lle pregunto pola banda sonora dos días en que escribía “Amor amén” menciona a Pastoriza e Iván Ferreiro. Axiña fai fincapé na condición metalúrxica e periférica da súa familia (xestores durante xeneracións dunha fábrica de conservas na parroquia de San Miguel de Oia). Asegura que en todas as cidades que visita sempre remata buscado o óxido da nosa e, para describir a súa adolescencia, fai referencia a un mítico local Vigués: “Naquel tempo non tiña idade para ir ao Kremlin, pero a idiosincrasia da movida viguesa decidiu que si era adulta para andar en bicicleta por riba de xiringas co sangue coagulado dos sábados de festa que convertían en resaca os meus domingos. Miña nai pensaba que os ionquis eran xente amable. Supoño que de aí vén o meu espírito temerario”

Cando a Iolanda non lle permitían acceder ao Kremlin, eu xa deixara de visitar garitos a horas intempestivas. (talvez a madureza se resuma en preferir lectura matutina, desprezando ás perversións noctámbulas) e esa evidencia da distancia entre as nosas biografías resúltame de pronto, non sei por que, moi confortable.
_ “A pesar de ler minuciosamente as notas biográficas que redactaches para a Asociación de Escritores en Lingua Galega, non atopei ningunha referencia á túa condición de poeta”.
_ ” É que non me considero poeta. Cada vez que alguén me inclúe -por exemplo o voso proxecto- nunha nómina de poetas, séntome intrusa. En todo caso eu sería unha narradora que utiliza ocasionalmente recursos líricos”.
_”Pero é que en tampouco mencionas a túa condición de escritora, así, sen especificar xénrero”.

_”Agora mesmo levo cinco anos “en barbeito”. De feito só escribín cando necesitei facelo: por algunha obsesión, ou a modo de terapia. É un impulso de comunicarme (Debo de ter un trasfondo exhibicionista) Pero dende que participo en redes sociais, xa non interpreto esa necesidade en formato libro. As redes satisfán esa necesidade -esporádica, xa te digo- ao poder envorcar nelas o “trauma do día”.

_ ” E durante eses longos períodos digamos, de seca, non continúas vendo a vida con ollos de escritora? ”
_ ” En absoluto. Eu vexo a vida con ollos de camareira que, realmente, é o que son”
_”Xa; pero considerado con ese rigor, en Galicia habería só un puñadiño de poetas. Se o medio de gañarse a vida definise o que somos, case ninguén podería denominarse poeta. Distinto é que os seus oficios de supervivencia teñan máis que ver coas letras que o teu”
_”Non te creas: atender aos clientes dun restaurante proporciona moita inspiración literaria… Non. En serio. Eses poetas aos que te refires consideran que escribir é o seu destino. Eu nunca tiven esa sensación acerca da miña propia vida”.

_”Entòn, que che impulsou a esta “non vocación”
_ “Eu fun unha adolescente moi “carca”, moi “chorona” que escoitaba a Serrat, a Silvio, a Aute, un anacronismo talvez… pero con eles comecei a sentir a emoción da poesía”
_”Serrat cabréase cando alguén o denomina poeta, e eu creo que fai ben”
_”Pode que, revisando os textos escritos sobre papel, resulte cuestionable consideralos poemas, pero son insuperabéis como iniciación. Ademais a través súa coñecín a Hernández, a Machado… case nada. Logo alguén puxo nas miñas mans exemplares da colección Ablativo Absoluto, onde descubrín a Lois Pereiro. Él constituíu unha auténtica revelación, non xa como lectora senón como ser humán. Recordo que, léndoo, me dixen: isto si que me interesa e non os poemas que nos impoñen no Insti… Naquela colección coñecín tamén a Lupe Gómez; e ela proporcionoume a determinación para escribir eu tamén”.
_”Por iso incluíches esta cita súa en Amor Amen: “quero cuspir poesía dunha forma triste, que ninguén entenda” Eu non a coñecía ata esta tarde”.
_”Lupe escribiu pouco (quero dicir: publicou pouco) talvez un par de poemarios. “Pornografía” titúlase un deles; Seduciume o seu talante prosaico, irreverente, sucio, moi explícito nas cuestións eróticas. Converteuse nunha desas autoras que se incorporan á túa vida, condicionándoa en maior medida que os seres tanxibles que che rodean. ”
_”Un poeta da miña xeración, díxome que ás veces se ruborizaba ao escoitar rapazas que compartían recitais con él, pola “desenvoltura” co que recitaban sobre as relacións sexuais: talvez se refería a Lupe Gómez… ou a ti, Iolanda,”

Iolanda ri e teatraliza un xesto provocativo: “ogallá ese amigo teu se refirise a min; encántame ruborizar cabaleiros”.

iola 1

Transcorre a tarde grata do Mishima: jazz case inaudible, conversacións moderadas, paredes repletas de libros, o cómplice e confortable aroma do café, mentres continúo gozando desta muller elocuente, entusiasta e non obstante tenazmente modesta en relación coas súas capacidades literarias.

_”Xa sebes que che pedín esta entrevista para que  me falaches sobre “Amor amén” Pero antes déixame que te diga que para min resultou un libro poderoso, sen trampas, un túnel para transitar sen distraccións. Asegúroche que acaparoume durante días esta historia en certo modo común, pero escrita dun xeito que a converte en orixinal e apaixoante”
_ “Sei que non é un termo moi elegante, pero cando alguén me pide que defina o tempo en que escribín o libro, só se me ocorre dicir: foi un vómito. Necesitei vomitar o que para min era unha apocalipse; a arrasadora frustración de que o esquema da túa vida se incinere porque alguén de súpeto di: “Ah, non¡ Sinto, pero eu xa estou noutra historia”
_”Aquilo singificou adeus ao amor. adeus ao amén. non? Por certo: Amor, amén, o título é magnífico. Dúas palabras moi sonoras e moi definitorias”

_ “Non foi o título co que me presentei na editorial; ao parecer resultaba moi longo e suxeríronme que unise a última palabra do primeiro e do segundo verso. Paradoxos… fíxate que o título segue aí, claro, pero eu agora son atea dobremente: atea en relación a Amén e atea en relación a Amor”.

_”En todo o libro, apenas permites aberturas para a luz e iso que nalgunhas pasaxes o sol emperrábase en acosar as túas ventás; adormezo exhausta deste sol que incendia os tendais, que murcha os xeranios e precipita aos suicidas dende o alto. ¿Cómo te recordas durante aquela penumbra? ”
_”Pues iso, en sombras… ”
_ “Non. Agora referíame fisicamente: como vestías, onde escribías, que música escoitabas”.
_ “Eu son de escribir na cidade, quero dicir na rúa, nalgunhas prazas onde me tropezo co pasado, nos bares. Vestir… sempre fun o que se di “casual” (eu prefiro dicir “chafalleira”). Vaqueiros. Camisetas que dean que falar.. Cazadora de coiro. Mentres escribía soaba con frecuencia Turnedó, seguro; e, en canto a beber, sempre fun máis de café que de alcohol”
_ ” ¿E o co-protagonista do libro, o “malo”? Que foi del? ”
_ “Os homes posuídes un sentido práctico repelente, ofensivo case. ¿Sabes que me dixo a última vez que nos atopamos?. Di: ben, polo menos, do noso quedouche un libro caralludo”

_ “Como para volver intentalo… aínda que supoño que agora xa serás máis escéptica”

_ “Escéptica?. Non. Nin podo, nin quero, Santiago. Perderíame moitos entusiasmos e posiblemente a moita xente interesante… aínda que xa sei que o mundo non está deseñado para inxenuas de corenta”.

Iola 2

Revisamos en silencio as miñas notas, dedícame ela o libro, sorrimos satisfeitos xa que ambos os dous acudiamos a este encontro con ganas de agradar ou, dito doutro xeito, con medo a decepcionar; recollemos trastes e abandonamos protocolos: “Xa teño o que quería, Iolanda, moitas grazas” e continuamos charlando, agora sen obxectivos, acerca da paixón de escribir, da paixón de compoñer, de libros, de Gonzalo Hermo, de Alba Cid, de Dores Tembrás de Silvia Pena y Cinta adhesiva, das novas expresións poéticas e do tempo no que os poemas estaban nos libros; falamos  de amigos, de vicios  e de viaxes, porque as viaxes da nosa vida rematan sendo as nosas credenciais. “Eu viaxei case sempre por impulsos, como todo o que fago. Fíxate que fun a tres cidades perseguendo músicas. México DF polas rancheiras, Bos Aires polo tango. Sao Paulo, máis que pola bossa, polo hip hop brasileño”

_” Pedímoslles a esas rapazas que nos saquen unhas fotos? Impórtate que suba algunha á Web acompañando a reportaxe? ”
_”¿Importarme? É unha honra, mestre”.

Na rúa xa anoiteceu, pero continúa a trasfega desta cidade incansable. Recupera Iolanda a súa mirada de adolescente a punto de cometer travesura, que abandonou durante a nosa entrevista por outra máis reflexiva.
Estreitamos as mans, pero ela, despois de separarse uns pasos, regresa para abrazarme. Detido na beirarrúa, míroa ata que se perde ao dobrar nunha esquina. E eu quedo aínda un anaco interrompido, saboreando o pracer da súa compañía, e lamentando a urxencia para todo -á que se referiu ela en diversos momentos desta tarde- unha urxencia que desbarata o Amen, interrompe os versos e imposibilita o Amor.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>