O río

Decidín hoxe fotografar o río que cruzan as cancións de Xardin desordenado, recén paridas, en busca de Marlene Rodrigues.

Río

Os últimos anos, esta viaxe converteuse nunha lediciosa cerimonia, xa que eu lévolle as composicións para que as bautice, e para que atope nelas os matices desapercibidos para min.
Ás veces viaxo co orgullo e o convencemento de que a canción espertará a súa exquisita curiosidade (os seus ollos cóntano ao instante). Noutras ocasións, ao contrario, viaxo ata o outro lado do río para que ela impulse co seu talento os tímidos latexos dun recén parido problemático.
Hoxe viaxei cun poema de Antonio García Teijeiro que tarareamos pouco a pouco (sempre é como transmitir un segredo) ata que ela fíxose coa melodía e eu me convertín en encantado espectador. Falamos sobre o texto, sobre as harmonías, sobre os arranxos, sobre os seres queridos, sobre o pasado compartido, sobre os proxectos, Cantamos logo outras cancións, outros poemas, que son xa como álbunes de recordos, porque regresan con elas escenarios, amigos, viaxes.
Abrazámonos ao carón do coche (canto costa separarse desta muller¡) e regresei cruzando de novo (agora xa eufórico) a ponte sobre o río da fotografía, de camiño á casa, coa voz de Marlene arrolándome o talante.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>